1º PREMIO CONCURSO CARTAS DE AMOR. CATEGORÍA "C"

Vigo, 24 de febreiro de 2013
Meu amor,

    Comezo a escribirche nunha xeada tardiña de sol e vento. Nubes brancas camiñan de présa polo ceo, mentres na rúa uns poucos nenos xogan, abrigados, alleos ós rigores do inverno. Que longo inverno!

    Quizais resulte absurdo intentar sequera expresar a natureza e a intensidade dos meus sentimentos. Aínda así abordo a tarefa con decisión, e sen esperanza de que as miñas palabras cambien realmente a natureza e a intensidade dos teus. Pero chegou o momento. Desexo confesar, ante ti e ante o mundo enteiro, que ardo por ti, que non alento, que te idolatro e te venero, que me derreto cando me miras, que te admiro e que te desexo, que te amo… que te amo... que te amo... E esta ladaíña contén un berro e unha liberación, pero tamén un lamento, porque ti non podes darme o que eu tanto devezo.

    Hai corenta anos que ando polo mundo na procura dalgún sustento, dunha fortaleza onde acougar, dun terreo onde arraigar. Ai, amor! Que deplorable ironía que fique aquí nun terreo ermo, ante unha plaza inexpugnable, derrotada por un inimigo que non podo recoñecer. Que apoio tan frouxo o teu sorriso fuxidío! As túas palabras, que feble sustento! Que pobre alimento o teu aprecio!

    Cada día achégaste e afástaste, nun terrible vaivén que me ten abraiada. Búscasme e arrédaste, tal vez non te decatas. Mendigo as túas miradas, dásme esperanzas. Morro de frío e tu non fas nada... Mais entre tanto encontro e desencontro, entre tantas seguridades e incertezas, hai unha verdade que se ergue inconmovible: só ti poderás salvarme do afundimento. Só ti poderás facer que esperte a un novo amencer, que arraigue e que me sosteña; que medre, que me expanda, que me eleve ata o ceo; que me inflame, que estoupe e me disolva na eternidade dos tempos; que brote, que floreza, que fructifique, que volva nacer cada instante. So ti podes dar calor ós meus días e luz ás miñas noites. Certeza ás miñas dúbidas, inconsistencia ós meus medos. Ti e ningún outro.

    Tiñas que sabelo. Só iso. Non che pido que me entendas, pois nin eu mesma me entendo.

    Fóra, de vagar, o solpor deixou paso a unha noite estrelada. Sinto frío. E tristeza. Pero río. Vaites, que remedio me queda, se pretendo vivir en tan sombrío deserto!!!

                                    NOCTURNO
                                    

Comentarios

Entradas populares de este blog

AFACERSE Á AUSENCIA: ANXO PINTOS LAMOSO